Os traballos para a redacción da Estratexia Galega de Mobilidade desenvolvéronse nas seguintes fases:

FASE 1
Análise da mobilidade actual

FASE 2
Diagnóstico

FASE 3
Elaboración da EGM

FASE 4
Información pública

FASE 5
Revisión e publicación da EGM
Para o deseño e redacción da Estratexia Galega de Mobilidade analizáronse múltiples fontes de datos para caracterizar da forma mais precisa posible a mobilidade actual en Galicia.
Procesáronse millóns de datos anonimizados de telefonía móbil dos cidadáns para coñecer a mobilidade das persoas. No proxecto utilizáronse ferramentas tecnolóxicas na análise de datos de telefonía móbil e programas de machine learning para o procesamento de datos Big Data que garanten o tratamento anonimizado da información cumprindo toda a normativa vixente de protección de datos.
Na seguinte fase elaborouse un diagnóstico da situación actual da mobilidade de Galicia analizando todos os datos dispoñibles sobre o territorio, poboación, estrutura económica, necesidades da poboación e infraestruturas de transporte.
Como resultado deste proceso redáctase a Estratexia Galega de Mobilidade, ferramenta para a coordinación das políticas públicas en materia de mobilidade en Galicia que se elabora para dar resposta ás principais problemáticas que se detectan tras a análise da mobilidade da poboación galega. A súa meta é “Transformar o modelo de mobilidade en Galicia para pasar a un mais funcional, mais sostible ambiental e economicamente e mais seguro, apoiándose para iso na innovación tecnolóxica.”
A versión inicial da Estratexia Galega de Mobilidade foi sometida a consulta pública o 31 de xaneiro de 2023 durante un prazo de dous meses, ata o 31 de marzo de 2023.


