Ethel Vázquez avanza que os veciños de Salvaterra de Miño disporán a finais de ano dunha nova senda entre Oleiros e Leirado tras un investimento da Xunta de 1,5 M€

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 11/04/2023 - 09:25
Ethel Vázquez avanza que os veciños de Salvaterra de Miño disporán a finais de ano dunha nova senda entre Oleiros e Leirado tras un investimento da Xunta de 1,5 M€
Imaxe nova
Salvaterra de Miño (Pontevedra), 3 de abril de 2023
Linkedin

Esta senda unirá os principais equipamentos, como a igrexa ou os establecementos hostaleiros e de alimentación, dotando a lonxitude da PO-402 ao seu paso polo municipio dun espazo peonil seguro, coa senda do cemiterio de Oleiros e as beirarrúas de Leirado

  • A nova senda será de formigón coloreado, cun ancho mínimo de 1,8 metros e elevada 10 centímetros sobre a estrada para maior seguridade e contará con vaos peonís podotáctiles para favorecer o tránsito das persoas con capacidade visual reducida
  • Construirase unha pasarela de madeira de 23 metros para salvar un pequeno regato, e instalaranse 3 pasos de peóns con iluminación específica para reforzar a seguridade viaria e 4 novas marquesiñas para facilitar o acceso ao transporte público

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que os veciños de Salvaterra de Miño disporán a finais de ano dunha nova senda entre Oleiros e Leirado tras un investimento da Xunta de 1,5 M€.

Vázquez Mourelle, xunto coa alcaldesa, supervisou hoxe no municipio pontevedrés a marcha dos traballos da senda que se está a habilitar na estrada autonómica PO-402, e que dará continuidade aos treitos de senda xa executados a través de distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos.

Segundo sinalou a conselleira, os traballos iniciáronse o pasado mes de xaneiro, e céntranse en actuar en 4,6 km da PO-402 en treitos con vivendas, entre as parroquias de Oleiros e Leirado. O obxectivo é executar unha senda que conecte e dea servizo ás zonas de equipamentos e centros de actividade, como a igrexa ou os establecementos hostaleiros e de alimentación.

A titular de Infraestruturas da Xunta explicou que, ata agora, os traballos centráronse no despexe da zona e no movemento de terras. O prazo de execución é de 12 meses pero tratarase de axilizar as obras ao máximo. Tal e como indicou a conselleira, ao desenvolverse a intervención ao longo de 4,6 km, a empresa adxudicataria pode traballar con varios equipos de xeito paralelo, para acurtar, en todo o posible, os prazos de execución.

Para cumprir con ese obxectivo, Ethel Vázquez sinalou que na primavera e no verán, coincidindo co bo tempo, se intensificará o ritmo dos mesmos. A previsión da Xunta é que esta intervención de humanización na PO-402, estea rematada a finais de ano cun investimento autonómico de 1,5M€.

Con respecto ás características das obras, a conselleira explicou que o itinerario entre Oleiros e Leirado disporase en formigón coloreado, reforzado de mallazo, cun ancho mínimo de 1,8 metros e elevado 10 centímetros sobre a estrada para maior seguridade. Ademais, os vaos peonís terán pavimento podotáctil para favorecer o tránsito das persoas con capacidade visual reducida.

Tamén se construirá unha pasarela de madeira de 23 metros para salvar un pequeno regato, en madeira de piñeiro que garantirá unha mellor integración na paisaxe na contorna e varios muros de perpiaño onde é necesario.

Mellora da mobilidade e accesibilidade

Para fomentar os desprazamentos seguros a pé dos veciños disporanse 3 pasos de peóns con iluminación específica, un deles sobreelevado, para unha mellor mobilidade e accesibilidade á nova senda. Xunto con isto, engadiu a conselleira, e co obxectivo de facilitar o acceso ao transporte público, actuarase en 4 marquesiñas, renovando as actuais.

Ethel Vázquez incidiu en que se aproveitará a obra para mellorar o trazado dunha curva con radio reducido e para acondicionar as marxes da vía na contorna da igrexa de Santa María de Oleiros. Hai unha zona pavimentada na súa fronte onde estacionan os coches e se concentran os movementos de incorporación cara á estrada, polo que se actuará nesa contorna e se reordenará o aparcadoiro.

As intervención completaranse coa drenaxe, instalación de sinalización e reposición dos servizos afectados. As actuacións serán financiadas no marco do programa do Fondo Europeo React-UE.

A titular de Infraestruturas remarcou que co remate destas actuacións, antes de finalizar o ano, os veciños disporán en practicamente toda a lonxitude da estrada PO-402 polo municipio dun espazo para o tránsito peonil seguro, nunha zona que ten vivendas a ambas as dúas marxes da estrada, sumando a senda que xa chega ao cemiterio de Oleiros e as beirarrúas que hai en Leirado.

A conselleira lembrou que esta non é a única actuación que a Xunta acometerá de maneira inmediata, xa que tamén se está a impulsar a remodelación da rúa Miño para adaptala ao tráfico internacional, cun investimento de 340.000 €.

Ethel Vázquez tamén se referiu ao impulso e a mellora do saneamento do municipio. Lembrou que a Xunta vén de emitir informe ambiental favorable da nova depuradora no río Mendo que se vai impulsar, xunto coa dotación da rede de saneamento na parroquia de Santa María de Oleiros, actuacións que serán cofinanciadas pola Xunta, en colaboración co Concello.