Ethel Vázquez destaca o investimento de 6,5 M€ na área intermodal de Pontevedra para ofrecer unha porta renovada de entrada á cidade e un novo motivo para apostar polo transporte público

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Xov, 13/04/2023 - 17:18
Ethel Vázquez destaca o investimento de 6,5 M€ na área intermodal de Pontevedra para ofrecer unha porta renovada de entrada á cidade e un novo motivo para apostar polo transporte público

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou o remate da remodelación da estación de autobuses e da súa conexión coa terminal de ferrocarril, para facilitar un intercambio áxil e seguro entre o tren e o autobús

Fotografía
Pontevedra, 1 de abril de 2023
Linkedin

Vázquez Mourelle salienta que a estación de autobuses conta cun novo aspecto por fóra, resultado do cambio da cuberta, fiestras e fachada, dotándoa dunha “nova pel”

  • Indica que a terminal está renovada por dentro, cunha rampla que garante a accesibilidade, un vestíbulo con visión directa ao exterior e novos acabados que forman un espazo máis confortable e para os que se empregou madeira galega
  • Sinala que foi clave a posta en servizo do novo acceso de entrada e saída da estación de autobuses desde a avenida de Josefina Arruti, dotando os vehículos dun novo punto de acceso ás dársenas e liberando do tránsito de autobuses a rúa Estación

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de 6,5 M€ na área intermodal de Pontevedra para ofrecer unha porta renovada de entrada á cidade e un novo motivo para apostar polo transporte público.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Pontevedra, supervisou hoxe o remate desta completa remodelación da estación de autobuses e a optimización da súa conexión coa terminal de ferrocarril, para facilitar un intercambio áxil e seguro entre o tren e o autocar e viceversa.

Subliñou que a Xunta pon á disposición dos usuarios do transporte público unhas novas instalacións completamente renovadas, máis modernas, cómodas e accesibles que, contribuirán a achegar á poboación aos hábitos da mobilidade sostible.

Incidiu en que a estación de autobuses de Pontevedra conta hoxe cun novo aspecto por fóra, resultado do cambio da cuberta e da fachada, que se dotou dunha “segunda pel” e novas fiestras que reforzan a eficiencia enerxética.

Ademais, engadiu, a terminal está plenamente renovada por dentro, cunha rampla que garante a accesibilidade, un vestíbulo máis amplo e luminoso, con visión directa ao exterior e novos acabados que forman un espazo máis confortable e para os que se empregou madeira galega.

Para conseguir eses obxectivos, a conselleira recordou que foi clave a posta en servizo do novo acceso de entrada e saída da estación de autobuses desde a avenida de Josefina Arruti.

Sinalou que esa vía dotou os vehículos dun novo punto de acceso ás dársenas e permitiu liberar do tránsito de autobuses a rúa Estación. Así, xerouse un novo espazo público para o desfrute dos cidadáns, cunha gran praza fronte á entrada principal da estación, na que se reordenan os aparcamentos e desde a que se facilita o acceso á terminal de Renfe.

Ademais o peche do ramal de entrada á estación e a apertura do novo acceso foi aproveitado para liberar os marcos do encauzamento do río Gafos e destapalo, gañando, novamente, un novo espazo público de gran valor ambiental para Pontevedra.

Ethel Vázquez lembrou que este proxecto é resultado dun convenio de colaboración co Concello de Pontevedra, que achegou preto do 25 % do financiamento e asumirá agora a responsabilidade de mantemento e xestión dos espazos exteriores da estación.

Puxo en valor a aposta do Goberno galego por Pontevedra a través deste proxecto e doutros como o novo Hospital Público de Montecelo, o saneamento da ría ou as melloras da seguridade e da mobilidade na estrada vella de Marín ou en Santo André de Xeve.