A Xunta asina o contrato das obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, que comezarán en maio e suporán un investimento de máis de 70,5 M€

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Ven, 14/04/2023 - 08:17
A Xunta asina o contrato das obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, que comezarán en maio e suporán un investimento de máis de 70,5 M€

Aumentarase a superficie do actual hospital en case un 30 %, mellorando a prestación sanitaria de 450.000 cidadáns

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023
Linkedin

A intervención fará posible contar con 5 novas unidades de hospitalización con 36 camas cada unha e unha nova unidade de hematoloxía de 28 camas, sumando 208 camas máis dispoñibles e permitindo que as habitacións sexan dobres ou individuais

  • Os traballos contan cun prazo de execución de 42 meses

A Xunta asinou o contrato para executar as obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, cuxas obras prevén iniciarse en maio e suporán un investimento de máis de 70,5 millóns de euros.

A Administración autonómica asinou o contrato co representante da adxudicataria, a unión temporal de empresas Dragados S.A., Constructora San José S.A. e Construcciones Ramírez S.L.

As obras, que se realizarán mediante unha encomenda de xestión do Servizo Galego de Saúde –adscrito á Consellería de Sanidade-, á Axencia Galega de Infraestruturas -dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade- permitirán ampliar a superficie do actual hospital en case un 30 %, de modo que se poida mellorar a atención aos pacientes.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 42 meses e levarán aparellados 1.400 empregos, teñen como obxectivo a prestación dos servizos da sanidade pública de 450.000 cidadáns.

A intervención permitirá á ampliación do edificio A -no que se atopa a área de hospitalización, os servizos centrais e as emerxencias-, na parte sur do edificio existente cara ao oeste; de forma mimética ao actual edificio hospitalario, para acadar maior integración arquitectónica e funcional, dispoñendo un núcleo de comunicación vertical con 8 ascensores. 

Ademais ampliarase a superficie, no caso do edificio A, en preto de 29.000 metros cadrados, acometendo a demolición de 2.000 metros para axustar e encaixar as novas instalacións. 

No edificio C -que alberga as consultas externas e as probas funcionais-, a intervención permitirá habilitar case 5.300 metros cadrados de nova superficie.

Neste caso a ampliación executarase cara ao leste, con 5 plantas coincidentes coas actuais, comunicándose cos eixes de circulación xeral do edificio e cun núcleo de comunicacións situado en paralelo ás zonas de espera da fachada sur.

Cinco novas unidades de hospitalización

A ampliación do CHUS fará posible contar con 5 novas unidades de hospitalización con 36 camas cada unha e unha nova unidade de hematoloxía de 28 camas, sumando 208 camas máis dispoñibles e permitindo que todas as habitacións sexan dobres ou individuais.

O aumento de superficie do complexo permitirá, ademais, ampliar as urxencias pediátricas e reformar as de adultos, incorporar 7 novos quirófanos e terá incidencia directa noutras áreas como o laboratorio de microbioloxía, o hospital de día, a unidade de mama, área de endoscopias e consultas externas.