A Xunta comeza as obras de execución dunha senda na estrada OU-300 ao paso polo concello da Bola

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Xov, 13/04/2023 - 16:48
A Xunta comeza as obras de execución dunha senda na estrada OU-300 ao paso polo concello da Bola
Fotografía
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2023
Linkedin

Esta intervención, cun investimento autonómico de arredor de 40.000 euros, desenvólvese a partir do punto quilométrico 12+350 da estrada

  • O obxectivo é facilitar os desprazamentos a pé dos veciños da contorna dun xeito máis seguro e sostible, continuando o itinerario xa en servizo para acadar o núcleo de Fruíme
  • A Xunta acometeu no ano 2019 unha senda que comunica os lugares de Murzás, A Badía e o cruce Aldea Ferreiro, cun investimento de 48.000 euros
  • O Goberno galego, mediante este tipo de actuacións, busca dotar os concellos de itinerarios seguros, sostibles e saudables para favorecer a mobilidade dos cidadáns

 

A Xunta vén de comezar as obras de execución dunha nova senda na estrada autonómica OU-300, ao paso polo concello ourensán da Bola.

Esta intervención, cun investimento autonómico de arredor de 40.000 euros, está a desenvolverse a partir do punto quilométrico 12+350 da estrada. O itinerario desenvolverase ao longo de preto de 380 metros pola marxe esquerda da vía e terá un ancho de 2 metros.

O obxectivo desta actuación é facilitar os desprazamentos a pé dos veciños da contorna dun xeito máis seguro, sostible e saudable.

A nova senda daralle continuidade ao itinerario xa acometido pola Xunta no ano 2019, acadando agora o núcleo de Fruíme.

Cómpre lembrar que a senda xa en servizo, que supuxo un investimento de 48.000 euros por parte do Goberno galego, comunica os lugares de Murzás, A Badía e o cruce Aldea Ferreiro, no concello da Bola.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, mediante este tipo de actuacións, busca dotar os concellos de itinerarios seguros, sostibles e saudables para favorecer a mobilidade a pé dos cidadáns.