A Xunta inicia as obras da senda peonil na estrada autonómica PO-195 en Forcadela, no Concello de Tomiño

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Ven, 14/04/2023 - 08:21
A Xunta inicia as obras da senda peonil na estrada autonómica PO-195 en Forcadela, no Concello de Tomiño

Execútase un itinerario nun treito antigo de 390 metros de lonxitude na marxe esquerda da PO-552
 

Fotografía
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023
Linkedin

A senda terá 2 metros de ancho mínimo e será de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos
 

  • Unha vez executadas as actuacións, cun investimento autonómico de 50.000€, a Xunta transferirá a titularidade dese treito da vía autonómica ao Concello
     

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de construción dunha senda peonil na estrada PO-195 en Forcadela, no concello de Tomiño.

Esta intervención de mellora da seguridade e da mobilidade supón un investimento autonómico de preto de 50.000 euros.

Os traballos consisten en habilitar un itinerario peonil nun treito antigo da PO-552, de 390 metros de lonxitude na marxe esquerda da vía, entre o cruzamento coa PO-552, no quilómetro 0+050, e a beirarrúa existente no quilómetro 0+440.

Concretamente, estase a executar unha nova senda de formigón duns 2 metros de ancho mínimo, mantendo a calzada de dous carrís. O novo itinerario será de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos.

A senda adaptarase á rasante existente, separada por un bordo elevado uns 6 centímetros e unhas beiravías que non superan 0,5 metros na marxe sobre a que se actúa. Para acadar este obxectivo, readaptarase lixeiramente a drenaxe da plataforma, para o que se disporán sumidoiros conectados ás obras de drenaxe transversal.

Ademais, como as obras de drenaxe transversal existentes están bastante próximas á calzada, os traballos incluirán a execución dunha pasarela de madeira que cubra a canle de rega entre os quilómetros 0+100 e o 0+120, permitindo o paso de peóns. Deste xeito, o ancho variará desde 2 metros nos seus extremos coa senda de formigón, ata os 3,6 metros para permitir unha correcta ancoraxe no terreo adxacente á canle de rega.

Na actuación empregaranse pequenas superficies de madeira para salvar os pasos de obras de drenaxe transversal que non permitan un ancho suficiente ao final do percorrido, onde este tránsito peonil unirá coa beirarrúa existente.

Nos pasos de madeira disporase varanda e nas interseccións con pasos peonís colocarase un pavimento en baldosa podotáctil con sinalización de advertencia de perigo.

Unha vez executada esta obra, o treito da estrada autonómica será obxecto de cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño.