A Xunta recibe 6 ofertas para executar a 1ª fase de humanización da avenida de Galicia en Teis (Vigo) cun investimento autonómico de 2,5 M€

Membro durante

2 anos 3 meses
Submitted by admin on Mér, 01/02/2023 - 08:51
A Xunta recibe 6 ofertas para executar a 1ª fase de humanización da avenida de Galicia en Teis (Vigo) cun investimento autonómico de 2,5 M€
Imaxe nova
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2023
Linkedin

Esta intervención na estrada autonómica PO-323, vía de entrada á cidade olívica, prevé o seu inicio na primavera e ten un prazo de execución de 12 meses

■ Actuarase nun treito de 500 metros entre a intersección da PO-323 coa avenida da Mariña Española e o Instituto de Teis, ampliando as beirarrúas e mellorando a accesibilidade
 
■ Nesta primeira fase de reforma da estrada autonómica tense en conta puntos singulares como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA
 
■ A intervención incluirá a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués

■ Tras a análise das achegas recibidas, a nova zona de aparcadoiro situarase na parcela contigua ao IES de Teis e manteranse as prazas actuais na avenida de Galicia, que inicialmente se suprimían

■ A execución destas obras estará coordinada co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar e completarase cunha 2ª fase ata o límite municipal con Redondela, que suporá un investimento de 4 M€ e cuxo proxecto xa foi sometido a información pública

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu as ofertas de 6 empresas para executar as obras da primeira fase de humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo, que suporá un investimento autonómico de preto de 2,5 M€.

Esta nova intervención da Xunta céntrase no treito comprendido entre o cruce da estrada PO-323 coa avenida Mariña Española e o IES de Teis, que acada un tramo duns 500 metros da estrada autonómica, no que se definen as medidas de calmado de tráfico e de protección de peóns neste viario de características moi urbanas.
 
Os traballos da 1ª fase de humanización da PO-323, vía de entrada á cidade olívica, prevén o seu inicio na primavera de 2023. A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.
 
O detalle da intervención
Con esta intervención, a Xunta busca fomentar a mobilidade sostible nesta vía de entrada á cidade, a través de actuacións de acougado do tráfico rodado e mellora dos itinerarios peonís.

Esta 1ª fase obxecto deste contrato para a reforma deste tramo da vía autonómica ten en conta puntos singulares como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA. O deseño definido polo departamento de Infraestruturas da Xunta busca, ademais, coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar na antiga ETEA.
 
Máis en detalle, esta obra da Xunta PO-323 comprende a mellora e ampliación das beirarrúas en ambas as marxes do treito de actuación, de modo que sexan máis continuas e accesibles, así como a execución dunha glorieta na intersección entre a avenida de Galicia (PO-323) e a avenida da Mariña Española, pola que se accede á ETEA.
 
As intervencións incluirán a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués.
 
Tras a análise das achegas recibidas a nova zona de aparcadoiro situarase na parcela contigua ao IES de Teis, ao non ser viable a ubicación inicialmente prevista enfronte do centro de saúde, e manteranse as prazas de aparcadoiro actuais, na avenida de Galicia, entre os números 104-120 e nos números 67-69, que inicialmente se suprimían.
 
O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé finalizar a actuación cunha segunda fase que complete a mellora da estrada no termo municipal de Vigo, ata o límite municipal con Redondela, e cuxo proxecto xa foi sometido a información pública en outono do 2022 cun investimento de 4 millóns de euros.
 
O Goberno galego continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.