
É a hora de avanzar. Benvidos ao futuro.
Invitámoste a formar parte do deseño do futuro de Galicia. Invitámoste a coñecer e participar na Estratexia Galega de Mobilidade que teño o pracer de presentarte.
Pasamos moitos meses parados, vímonos obrigados a cambiar os nosos hábitos de vida, a forma de traballar e as necesidades de desprazamento tamén cambiaron. A sociedade galega afronta o reto de iniciar unha etapa de cambios e adaptarse ás novas necesidades.
Agora máis que nunca, queremos avanzar. Convidámoste a facelo en conxunto, por primeira vez os galegos e galegas temos a oportunidade de crear a mobilidade do futuro entre todos e todas. Porque o noso futuro é colectivo.
Galicia é un territorio dunhas características xeográficas moi diversas. Cada persoa que se despraza na nosa comunidade ten necesidades únicas, cada pobo, cada comarca, cada cidade é diferente, e os seus habitantes tamén.
Pensando no futuro, para poder movernos mellor, necesitamos coñecer ao detalle esas necesidades que definen o panorama actual da mobilidade en Galicia como punto de partida da planificación de solucións relativas ao impacto que ten a mobilidade na vida das persoas.
Para isto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, presenta a Estratexia Galega de Mobilidade, unha ferramenta coa que se transformará o modelo actual de Galicia con actuacións multisectoriais en materia de infraestruturas, transportes e mobilidade.
Este innovador instrumento nos permitirá adiantarnos ao futuro para coñecer o que debemos mellorar e como será a mellor forma de facelo. Queremos garantirlle aos galegos e galegas un deseño de solucións de mobilidade adaptado ás súas necesidades e acorde cos retos e coas esixencias de Europa, e coa responsabilidade dun transporte sostible e eficiente.
O benestar da cidadanía é o eido fundamental do traballo desta Administración, por iso, cada cidadán é unha peza importante da Estratexia Galega de Mobilidade.
O noso compromiso é innovar e atopar novas ferramentas e solucións para cada galego e galega. A nosa principal motivación é que cada persoa en Galicia teña cuberta a súa necesidade de desprazamento pois somos plenamente conscientes do impacto que o transporte público ten na vida diaria da cidadanía galega.
Un saúdo.


