Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de case 1,2 M€ nun aparcadoiro disuasorio con 148 prazas na avenida de Breogán de Lugo, que hoxe se licita co obxectivo de iniciar as obras despois do verán

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 11/04/2023 - 13:03
Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de case 1,2 M€ nun aparcadoiro disuasorio con 148 prazas na avenida de Breogán de Lugo, que hoxe se licita co obxectivo de iniciar as obras despois do verán

Vázquez Mourelle salienta o seu emprazamento estratéxico, entre as estradas N-VI e N-540 e próximo ao Barrio da Residencia, onde a Xunta está a culminar unha transformación integral cun investimento de máis de 30 M€ en equipamentos sociosanitarios

Fotografía
Lugo, 27 de marzo de 2023
Linkedin

Este aparcadoiro, co que a Xunta busca fomentar o vehículo compartido e reducir as emisións, terá unha superficie de 5.700 m² e contará cun acceso ao norte desde a rúa Barrio Casas e outro sur pola avenida de Breogán

  • A conselleira subliña que se trata dunha infraestrutura verde cunha dobre vertente: desde o punto de vista do deseño, con vexetación e arborado para a maior integración paisaxística, e desde o punto de vista da funcionalidade
  • A intervención inclúe a renaturalización dunha canle que discorre parcialmente entubada pola parcela, a reconfiguración da rúa Barrio Casas, iluminación, videovixilancia e preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento da Xunta de case 1,2 M€ nun aparcadoiro disuasorio con 148 prazas na avenida de Breogán de Lugo, que se licita hoxe co obxectivo de iniciar as obras despois do verán. 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou hoxe esta nova actuación na cidade, licitada por un importe 1,15 M€, tal e como recolle hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.  

A titular de Infraestruturas subliñou que este proxecto de aparcadoiro disuasorio ten como obxectivo fomentar o uso do vehículo compartido e reducir as emisións na cidade.  

Precisamente, indicou a conselleira, a elección do emprazamento do aparcadoiro, a parcela anexa á avenida de Breogán, obedece á súa estratéxica situación entre as estradas nacionais N-VI e N-540, estando, ademais, próximo ao novo polo de atracción que vai ser o Barrio da Residencia. 

Sinalou que as empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 24 de abril para presentar as súas ofertas e incidiu no obxectivo de comezar as obras tras o verán, cando se agarda ter formalizada a ocupación dos terreos, cun prazo de execución de 10 meses. 

Ethel Vázquez explicou que se trata de executar un aparcadoiro cunha superficie total de 5.700 m² que ofrecerá un total de 148 prazas, das cales 4 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida. 

A conselleira puxo o acento en que este aparcadoiro será unha infraestrutura verde desde unha dobre vertente: desde o punto de vista do seu deseño, con vexetación e arborado para a maior integración paisaxística, e desde o punto de vista da funcionalidade. 

A este respecto, incidiu en que permitirá que os cidadáns que cheguen conducindo a esta zona da cidade teñan dispoñible un aparcadoiro que lles facilite deixar o coche e desprazarse a continuación ben a pé, ben en transporte público; e que aqueles que saian de Lugo teñan un punto de encontro no que deixar un ou varios vehículos particulares e realizar a súa viaxe en coche compartido, cos evidentes beneficios ambientais e económicos que iso supón. 

Destacou que para acadar con máis eficacia os seus obxectivos, o aparcadoiro disporá dun dobre acceso: un ao norte, a través da rúa Barrio Casas, que busca dar servizo aos tráficos que teñen como orixe ou destino o interior da cidade de Lugo e máis concretamente o norte e leste; e outro acceso polo sur, con entrada e saída por esta avenida de Breogán, pensado como entrada principal e destinado aos coches que teñen como orixe ou destino o exterior da cidade ou que van empregar o nó viario das estradas nacionais para acceder ás circunvalacións da cidade e ás vías de alta capacidade. 

A conselleira detallou que, no seu interior, o aparcadoiro terá 3 eixes viarios, todos unidireccionais e con carrís de 6 metros para facilitar as manobras de entrada e saída nas prazas de estacionamento: un eixe principal de 70 metros que vai desde a avenida de Breogán ata a rúa Barrio Casas; un eixe perimetral e un eixe central que os conectará. 

A titular de Infraestruturas destacou, ademais, que a actuación permitirá renaturalizar a canle dun regato que discorre parcialmente entubada pola parcela e suporá, tamén, a reconfiguración da rúa Barrio Casas, acadando as condicións axeitadas na sección transversal. 

Engadiu que a execución deste aparcadoiro se completará coa instalación de alumeado, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación e arborado, e dotación de sombra no aparcadoiro. 

A conselleira puxo en valor a nova actuacións da Xunta no ánimo de contribuír a facer cidade con esta nova infraestrutura moi vinculada ao barrio da Residencia, onde  se está a culminar unha transformación integral cun investimento da Xunta de máis de 30 M€ en diferentes equipamentos sociosanitarios, aos que, sen dúbida, esta actuación contribuirá a prestar un bo servizo aos cidadáns e a dinamizar. 

Salientou que con este aparcadoiro, grazas a un investimento da Xunta que se eleva a case 1,2 M€ tendo en conta as expropiacións, porase ao servizo dos veciños e visitantes de Lugo un novo espazo de estacionamento, fomentando a mobilidade sostible e o uso do coche compartido, ao tempo que se segue facendo cidade e mellorando a mobilidade dos cidadáns.

A intervención enmárcase nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sustentable nas cidades e vilas galegas.