Ethel Vázquez salienta que a Xunta destina un investimento anual de 50 M€ a manter e mellorar a seguridade nas estradas, convertendo a rede autonómica nun referente en conservación viaria

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 11/04/2023 - 10:24
Ethel Vázquez salienta que a Xunta destina un investimento anual de 50 M€ a manter e mellorar a seguridade nas estradas, convertendo a rede autonómica nun referente en conservación viaria

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou na mesa redonda Estradas ao servizo do cidadán, retos e exixencias, que se celebra no marco da 32 Semana de la Carretera, onde tamén participa hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas

Fotografía
Madrid, 21 de marzo de 2023
Linkedin

Vázquez Mourelle destaca a eliminación de tramos de concentración de accidentes nas vías autonómicas, cun investimento de máis de 15M€ que xa permitiu reducir en case un 60% a sinistralidade neses “puntos negros”

  • Subliña que o Executivo autonómico continúa desenvolvendo o Plan de reforzos de firme, ao que dirixe cada ano un orzamento de preto de 20M€
  • Pon o acento no Plan de control de pontes e obras de paso co que a Xunta prevé realizar 1.600 inspeccións en 5 anos e que xa motivaron numerosas obras preventivas

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que a Xunta está a destinar cada ano un investimento de 50 M€ a manter e mellorar a seguridade nas estradas, convertendo a rede autonómica galega nun referente en conservación viaria.

Vázquez Mourelle participou na mesa redonda Estradas ao servizo do cidadán, retos e exixencias, que se celebra no marco da 32 Semana de la Carretera, na que tamén intervén hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

Subliñou que o Goberno galego, no marco desta aposta pola conservación, vén actuando para eliminar todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, cun investimento de máis de 15 M€ que xa permitiu reducir en case un 60% a sinistralidade neses “puntos negros”.

Destacou que o Executivo autonómico continúa desenvolvendo o Plan de reforzos de firme, ao que dirixe cada ano un orzamento de preto de 20 M€.

Puxo tamén o acento no Plan de control de pontes e obras de paso co que a Xunta prevé realizar en total 1.600 inspeccións en 5 anos e que xa motivaron numerosas obras preventivas. Indicou que se estendeu este control aos noiros, unha liña necesaria debido ao contexto climático.

Ademais de avanzar na conservación, chamou a seguir traballando para que a estrada sexa parte da mobilidade sostible e non a súa antítese. Así, lembrou que a Xunta xestiona unha rede de 5.500 km de estradas, en cuxas marxes se construíron xa 250 km de sendas peonís e ciclistas, coa vocación de continuar facéndoo.

De igual modo que vén realizando a Xunta, instou ao Goberno de España a afrontar con rigor a conservación da súa rede para que as estradas volvan ser un factor de cohesión social e competitividade económica e non, precisamente, todo o contrario.

A este respecto, lamentou que en Galicia haxa 3 autovías estatais para conectar co resto de España e as 3 presenten problemas sen unha planificación clara de como resolvelas.

Recordou o colapso o ano pasado do viaduto da autovía estatal A-6, tan só un ano e 26 M€ de investimento despois, coas obras de emerxencia practicamente rematadas. Como consecuencia, unha das conexións entre Galicia e a península está cortada e a día de hoxe non hai un cronograma crible para a solución definitiva.

Sinalou tamén que se realizaron inspeccións en viadutos da rede estatal que obrigan a realizar obras de emerxencia na A-52, que xa ten cortada unha calzada.

Engadiu ademais os problemas de néboa da A-8, a conexión coa cornisa cantábrica, que seguen sen ter unha solución definitiva.

Retos de futuro

A conselleira abordou os retos de futuro da xestión das estradas, que son a conservación, a sostibilidade e o aproveitamento tecnolóxico, preparando o terreo para a chegada do vehículo eléctrico, autónomo e conectado.

Remarcou que a Xunta está a impulsar unha Estratexia de dixitalización integral das estradas autonómicas, prevendo investir 14 M€ nos próximos 5 anos.

Apuntou que Galicia é vangardista ao estar desenvolvendo un ‘xemelgo dixital’ da rede viaria, supoñendo un salto na xestión de 150 anos nalgunhas estradas, pasando, por exemplo, á dixitalización dos expedientes expropiatorios.

Destacou que as estradas terán máis futuro cando máis e mellor se acomoden ás exixencias do presente e do futuro ao que deben darlle servizo.

Para abordar todos estes retos de futuro, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, tamén intervén hoxe na mesa redonda Novas exixencias, novos servizos, novas estradas.