A nova convocatoria de axudas da Xunta para mercar bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido rexistra en 8 días 500 solicitudes por importe de 250.000 € e 130 comercios adheridos

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 13/06/2023 - 08:59
A nova convocatoria de axudas da Xunta para mercar bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido rexistra en 8 días 500 solicitudes por importe de 250.000 € e 130 comercios adheridos
  • O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, abordou na Comisión 2ª do Parlamento a nova convocatoria bianual de axudas do programa Ebici, cunha dotación de 1,7M€
  • Ignacio Maestro explica que os interesados poderán solicitar ata o 15 de novembro de 2024 estas axudas que bonifican ata o 50% do valor da bicicleta, ata 500 € con carácter xeral
Fotografía
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023
Linkedin

Precisa que para as familias numerosas o desconto aumenta ata un 60%, cun máximo de 600€; ou ata un 70% e 700€ nas familias numerosas de categoría especial

  • Detalla que, como novidade nesta convocatoria, persoas con mobilidade reducida tamén poderán acceder a un desconto de ata o 70% do custo da bicicleta de man ou híbrida, cun máximo de 700 € de subvención
  • Sinala que as solicitudes poden tramitarse a través dos comercios adheridos que figuran na listaxe da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade
  • Recorda que esta convocatoria lle dá continuidade á edición pasada, que permitiu conceder 1.976 axudas e mobilizar un orzamento total de 1 M€

    A nova convocatoria de axudas da Xunta para mercar bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido rexistrou, desde a súa apertura hai 8 días, 500 solicitudes por valor de 250.000€ e a adhesión de 130 establecementos.

    Así o precisou o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, que abordou na Comisión 2ª do Parlamento esta nova convocatoria bianual de axudas do programa Ebici, aberta o 5 de maio cunha dotación orzamentaria de 1,7M€.

    Sinalou que os interesados poderán solicitar estas axudas ata o 15 de novembro de 2024 -ou ata que se esgote o crédito- para adquirir a súa bicicleta eléctrica cun notable desconto nos establecementos adheridos.

    Lembrou que as axudas consisten nunha rebaixa de ata o 50% do custo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 € con carácter xeral. Precisou que no caso de familias numerosas, o desconto aumenta ata un 60%, cun máximo de 600 €; ou ata un 70% e cun máximo de 700 € nas familias numerosas de categoría especial.

    Detallou que, como novidade nesta convocatoria, persoas con mobilidade reducida tamén poderán acceder a un desconto de ata o 70% do custo da bicicleta de man ou híbrida, cun máximo de 700 € de subvención.

    Apuntou que as solicitudes poden tramitarse a través dos comercios adheridos que figuran na listaxe da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade.

    Éxito do programa Ebici

    O director recordou que a nova convocatoria de axudas lle dá continuidade á edición do ano pasado, que en agosto esgotou deseguida o crédito inicial consignado de 500.000€ e levou á Xunta a ampliar noutros 500.000 € adicionais.

    Fixo fincapé en que a anterior convocatoria permitiu conceder 1.976 axudas e mobilizar un orzamento total de 1M€.

    Puxo en valor a acollida das axudas Ebici, que se plasmou tamén nas 127 entidades colaboradoras en toda a comunidade.

    Destacou que esta iniciativa tamén está a contribuír a dinamizar o comercio local, estimulando así a economía dos pequenos establecementos, preservando a identidade cultural e o patrimonio da comunidade.

    Concretou que o programa Ebici favoreceu a mobilización por parte das familias de case 2 M€ no eido da mobilidade sostible.