A Xunta adxudica as obras dunha nova senda peonil na estrada autonómica PO-548 en Catoira

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 13/06/2023 - 08:33
A Xunta adxudica as obras dunha nova senda peonil na estrada autonómica PO-548 en Catoira
  • Habilitarase un espazo seguro para o tránsito de persoas na marxe da vía autonómica ao paso pola parroquia de San Miguel de Catoira, que rexistra un tráfico de 4.529 vehículos ao día
  • O novo itinerario terá unha anchura variable de entre os 2 e os 2,80 metros e disporá de pavimento de formigón reforzado con mallazo nos accesos
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2023
Linkedin

A actuación, cun investimento de case 48.300 €, iniciarase nas vindeiras semanas

A Xunta vén de adxudicar as obras para a construción dunha nova senda peonil na estrada autonómica PO-548 ao seu paso polo concello de Catoira.

Esta intervención, adxudicada á empresa Eulogio Viñal Obras y ConstruccionesS.A. por un importe de preto de 48.300 €, comezará nas vindeiras semanas.

Trátase da habilitar un espazo seguro para o tránsito dos peóns pola marxe da estrada PO-548 ao seu paso pola parroquia de San Miguel de Catoira. Neste treito, a estrada rexistra un tráfico de 4.529 vehículos ao día, e a beirarrúa existente xa non é funcional.

A actuación obxecto deste contrato consiste na demolición da beirarrúa existente e a escavación e caxeado, para habilitar o espazo para o novo itinerario.

A senda terá unha anchura variable de entre os 2 e os 2,80 metros, executarase en pavimento de formigón, cun espesor de 16 centímetros reforzado con mallazo nos accesos.

A intervención incluirá a instalación dunha condución de drenaxe de diámetro 300 mm ata conectar coa rede existente, e executarase un prisma de formigón de canalización para a subministración eléctrica e de iluminación pública.

De modo complementario, prevese a retirada e posterior reposición da sinalización vertical, así como o retranqueo dos apoios do tendido aéreo de iluminación.

Esta intervención desenvólvese dentro da banda de dominio público da estrada, polo que non precisa de expropiacións.