A Xunta adxudica por 2 M€ as obras de mellora de 51 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade de Lugo

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 13/06/2023 - 12:06
A Xunta adxudica por 2 M€ as obras de mellora de 51 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade de Lugo
  • Os actos expropiatorios de levantamento de actas previas dos terreos necesarios para estas obras xa se celebraron, estando fixada a formalización para o 11 e 12 de xullo
  • As actuacións inclúen a mellora da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas, a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas
Fotografía
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2023
Linkedin

Acondicionaranse as paradas de autobús situadas en 15 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia

A Xunta adxudicou por un importe de 2.027.726 euros as obras para a mellora da accesibilidade e conectividade de 51 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas ao paso das rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo.

O contrato, adxudicado á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos, S.LU., permitirán intervir na mellora de 30 paradas en Lugo; 5 en Xove; 4 en Castro de Rei; 2 en Riotorto; 2 en Outeiro de Rei; 2 no Vicedo; 2 en Cospeito; 2 en Begonte; 1 en Abadín; e 1 en Meira.

Os actos expropiatorios dos predios necesarios para executar os traballos están xa convocados. En concreto, entre o pasado 31 de maio e o 1 de xuño celebráronse os actos de levantamento de actas previas á ocupación, estando fixada a formalización para os días 11 e 12 de xullo.

Para levar a cabo o acondicionamento deste conxunto de 51 paradas de autobús, situadas en 15 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia, faise necesario a expropiación de distintos predios situados nos municipios de Lugo, Cospeito, Riotorto e O Vicedo. No resto das paradas as melloras realízanse en zona de dominio público das estradas de titularidade da Xunta, polo que non é necesario o proceso expropiatorio.

Deste xeito, no mes de xullo, está convocado o pagamento de depósitos previos e a formalización das actas de ocupación. En concreto, en Lugo convócanse para o día 11, no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra da cidade. No Vicedo, Riotorto e Cospeito e fíxase para o seguinte día, 12 de xullo, nestes casos nas respectivas casas do Concello.

Mediante o contrato que se vén de adxudicar impúlsanse as intervencións de acondicionamento deste conxunto de 51 paradas de autobús, que permitirán dotar as paradas de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se inclúen neste contrato as obras para facilitar as manobras dos autobuses e favorecer a conectividade das paradas a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís.

Así mesmo, reforzarase a seguridade das paradas, tamén con perspectiva de xénero, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e iluminación na súa contorna, e actuarase mellorando a información e a sinalización.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas de titularidade autonómicas en toda Galicia.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.