- Esta actuación central na estrada PO-546 consiste na execución dun itinerario de 3,5 km de lonxitude, co obxectivo de transformar a estrada nunha rúa e mellorar a súa funcionalidade, facilitando o tránsito de peóns, ciclistas e transporte público
- Construirase unha glorieta na intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán para reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a seguridade no acceso a este centro
- A previsión é licitar as obras nas vindeiras semanas e, en paralelo, seguir avanzando na tramitación das autorizacións sectoriais e dos actos expropiatorios necesarios para executar os traballos, que contan cun prazo de execución de 18 meses



O trazado da senda irá separado da estrada na travesía da Gandarela, por mor da falla de espazo entre as construcións existentes
A Xunta vén de aprobar o proxecto construtivo do eixe de mobilidade sostible entre Mollabao e Os Praceres, no termo municipal de Pontevedra, a través da estrada vella de Marín, que prevé un investimento de case 6,7 millóns de euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar nas vindeiras semanas as obras e, en paralelo, continuará tramitando as autorizacións sectoriais de Costas do Estado e do ADIF, así como a expropiación dos terreos necesarios para a execución das obras. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.
Esta intervención, a obra central das programadas na estrada PO-546 entre Pontevedra e Marín, ten como obxectivo transformar a estrada e mellorar a súa funcionalidade, orientándoa ao tránsito de peóns, ciclistas e transporte público. Esta actuación é susceptible de contar co financiamento dos fondos europeos FEDER 21/27.
As actuacións neste treito da vía autonómica consisten na execución dun itinerario pola marxe dereita da PO-546, de 3,5 quilómetros de lonxitude e cun ancho que oscilará entre os 2,9 e os 4 metros, entre os puntos quilométricos 0+590 e 4+090.
Neste treito que comunica Mollabao e Os Praceres prevese a separación con respecto á estrada do trazado da senda na travesía da Gandarela, debido á falla de espazo entre as construcións existentes.
Construirase unha glorieta á altura da intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán coa PO-546, coa finalidade de reducir a velocidade dos vehículos que acceden á travesía da Gandarela procedentes de Marín e mellorar a seguridade no acceso a este centro.
Esta glorieta tamén facilitará o cambio de sentido dos vehículos procedentes de Marín que queiran acceder ao futuro aparcadoiro disuasorio tipo carpooling que a Xunta ten previsto executar na contorna do punto quilométrico 2+800 desta estrada PO-546 e ao que se destinará un investimento de 500.000 euros.
Ademais melloraranse as paradas de transporte público, favorecendo a mobilidade en autobús entre Marín e Pontevedra, e renovarase a iluminación no treito de actuación.
No proxecto aprobado recóllense tamén distintas estruturas que redundan na mobilidade sostible, como a execución de dúas pasarelas a distinto nivel da senda peonil, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas, e a outra de 45 metros sobre O Sartán.
Tamén se executarán muros de sostemento, necesarios pola proximidade da vía do ferrocarril nalgunhas zonas, prolongando os xa existentes para poder lograr un ancho de senda adecuado e obter zonas amplas nas que se prevé a instalación dun parque infantil.
A intervención complétase coa dotación de zonas de esparexemento, destacando a habilitación dun miradoiro, no punto 1+050, aproveitando o espazo inutilizable na marxe dereita da calzada, cun pequeno parque infantil e zona verde que permita gozar das vistas da ría de Pontevedra.
Tras a análise das achegas recibidas, o departamento de Infraestruturas da Xunta realizou axustes que permiten mellorar a actuación e reducir a afección, que se recollen no proxecto construtivo, no que se incluíron pequenas variacións no deseño minimizando a afección nalgunhas fincas a expropiar.
Ademais mellorarase a parada de autobús situada no punto quilométrico 1+460, na marxe dereita da estrada, cunha zona de estacionamento para o autobús e un novo refuxio.
A solicitude dos veciños do Sartán, incorpórase na actuación unha nova zona de aparcadoiro en liña entre os puntos quilométricos 3+300 e 3+350, coa reserva dunha praza para unha persoa con mobilidade reducida.
No proxecto inclúese tamén a renovación da rede de augas fecais entre os puntos quilométricos 3+800 e 4, mellorando deste xeito a drenaxe das augas pluviais.
Esta intervención forma parte do conxunto de actuacións planificadas para fomentar a mobilidade sostible na estrada PO-546 con diferentes intervencións tamén en Estribela e no concello de Marín.