A Xunta aproba o proxecto da humanización da travesía de Palmeira, en Ribeira, que prevé un investimento de máis de 2,8 M€

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 13/06/2023 - 15:20
A Xunta aproba o proxecto da humanización da travesía de Palmeira, en Ribeira, que prevé un investimento de máis de 2,8 M€
  • O obxectivo é converter nunha rúa o treito da AC-305 que discorre por Palmeira, integrando espazos e recuperando o carácter humano
  • Executaranse obras para reducir a velocidade a 30 km/h e priorizar a mobilidade peonil, ademais de reforzar as conexións transversais
  • Complementaranse os sinais de límite de velocidade coa redución do ancho de carril, plataformas únicas e arborado
  • Disporase unha banda verde que acompañará o itinerario entre a calzada e a beirarrúa, conformando un xardín descontinuo para favorecer os percorridos transversais
  • A previsión é licitar as obras no verán para iniciar a súa execución no outono
Fotografía
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2023
Linkedin

A intervención enmárcase no proxecto “De estrada a rúa” que a Xunta desenvolve, da man da Fundación RIA, na AC-305 ao paso por Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo, cun orzamento estimado de 12 M€

A Xunta acaba de aprobar o proxecto para humanizar a travesía de Palmeira, no concello e Ribeira, que prevé un investimento de preto de 2,8 M€. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar no verán as obras para iniciar a súa execución no outono.  

O obxectivo é transformar o treito da AC-305 que discorre por Palmeira nunha rúa, adaptándoo aos diferentes contextos que atravesa, integrándoo e recuperando o seu carácter humano. 

As obras consisten na humanización dun tramo da estrada, entre os puntos quilométricos 35+400 e 36+500, no seu transcurso por Palmeira. Para isto, as actuacións proxectadas están dirixidas a reducir a velocidade máxima permitida no tramo urbano a 30 km/h., a priorizar a mobilidade peonil e o reforzo das conexións transversais. 

Tamén se prevé acompañar os sinais de límite de velocidade mediante ferramentas que xeren un carácter de vía lenta, como redución de ancho de carril, plataformas únicas ou arborado. 

Ademais mellorarase a accesibilidade das vivendas lindeiras, na medida do posible, con pasos de 180 cm como mínimo.

Executarase unha banda verde que acompañará durante toda a intervención o percorrido entre a calzada e a beirarrúa, un xardín con céspede e flores que permitirá os percorridos transversais.  

Esta intervención enmárcase no proxecto “De estrada a rúa” que a Xunta desenvolve, da man da Fundación RIA, na estrada AC-305 ao seu paso polos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo, sumando un orzamento estimado de 12 M€.

O proxecto, no seu conxunto, recolle 5 propostas de intervención ao longo de 5 quilómetros da estrada AC-305, naquelas zonas nas que se rexistra unha maior conflitividade entre o tráfico rodado e o tránsito peonil.