A Xunta licita por máis de 1,6 M€ a reurbanización da avenida Rodríguez de Viguri de Santiago, incorporando unha gran parada de transporte público na Cidade de San Caetano

Membro durante

2 anos 3 meses
Submitted by admin on Mér, 01/02/2023 - 08:37
A Xunta licita por máis de 1,6 M€ a reurbanización da avenida Rodríguez de Viguri de Santiago, incorporando unha gran parada de transporte público na Cidade de San Caetano

Deséñase como un bulevar con arborado en ambas as marxes da calzada e cunha mediana axardinada

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2023
Linkedin

■ Trátase de acometer a remodelación desta rúa da contorna que acolle o actual edificio administrativo da Xunta e dispoñer unha zona de parada de autobús con marquesiñas, dous itinerarios para ciclistas e unha zona de estacionamento de bicicleta

■ Esta actuación está vinculada á execución da 1ª fase das obras dos dous primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano, sendo o obxectivo da Xunta iniciar ambas as dúas intervención na primavera, cun investimento autonómico conxunto de 36,2 M€

■ Adecuarase a rúa ao novo edificio administrativo, dando continuidade á urbanización executada no treito anterior de Rodríguez de Viguri e sendo tamén punto de partida da gran senda que unirá San Caetano coa intermodal, Conxo, o Hospital Clínico e O Milladoiro

■ A parada de intercambio modal terá capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén prevé dar servizo aos autobuses urbanos que conectan co aeroporto e coa estación intermodal

■ As empresas interesadas en executar a actuación poderán presentar ofertas ata o 27 de febreiro

 

A Xunta licitou hoxe por máis de 1,6 M€ a reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri e a súa integración como nó de intercambio modal do transporte público na futura cidade de San Caetano.
Mediante este contrato, acometerase a remodelación desta rúa da contorna que acolle o actual edificio administrativo da Xunta e disporase dunha zona de parada de autobús con marquesiñas, dous itinerarios para ciclistas e unha zona de estacionamento de bicicletas.

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe o inicio da contratación desta obra, vinculada á próxima execución dos dous primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano nos terreos da vella estación de autobuses, que permitirá a adaptación desta rúa de Santiago á súa nova funcionalidade como parada de transporte público.

As empresas interesadas nestas obras teñen de prazo ata o vindeiro 27 de febreiro para presentar as súas ofertas, sendo o obxectivo da Xunta empezar a desenvolvelas de xeito coordinado coa execución da 1ª fase da Cidade de San Caetano, na primavera. Estas dúas actuacións suporán un investimento autonómico conxunto de de 36,2 M€.

Coa intervención licitada hoxe, dun lado, adecuarase a rúa ao novo edificio administrativo e darase continuidade á urbanización levada a cabo no treito anterior de Rodríguez de Viguri.

Por outro lado, dotarase dos refuxios definitivos necesarios para o transporte que dá servizo aos traballadores públicos. Ademais, será o punto de partida da gran senda peonil e ciclista que unirá San Caetano coa estación intermodal, Conxo, o Hospital Clínico e O Milladoiro, que está a impulsar a Xunta.

As obras obxecto deste contrato prevén a reorganización e reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri coa instalación dunha parada de intercambio modal con capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén se deberá dar servizo aos autobuses urbanos que conectan este punto co aeroporto e coa estación intermodal.

Na intervención proxectada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inclúese a reorganización, ademais, dos fluxos peonís e ciclistas para dar acceso ao complexo administrativo co obxecto de minimizar as interferencias e mellorar a conexión peonil dos viaxeiros no intercambio modal.

O prazo de execución desta actuación será de 6 meses. A Xunta prevé comezar as obras na primavera, polo que no outono estará a disposición a rúa remodelada e a nova gran parada de transporte público ao servizo dos usuarios.

Esta actuación está incluída no marco de Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á Pandemia do COVID-19.

Principais características da actuación
Máis en detalle, as obras de reurbanización do treito da avenida Rodríguez de Viguri obxecto deste contrato permitirán unha configuración na que o espazo para peóns e ciclistas gaña protagonismo con respecto á situación actual.

Este treito deséñase como un bulevar que dá continuidade ao treito xa remodelado da rúa, con arborado en ambas as marxes da calzada, e neste caso tamén na mediana intermedia, que será axardinada. A calzada, tanto no sentido ascendente como descendente, contará con dous carrís de circulación, como xa sucede no treito anterior da avenida. Nas beirarrúas o pavimento será de aglomerado pulido e de formigón nos carrís-bici.

A parada de transporte público prevista situarase na marxe dereita, en sentido ascendente. Terá 156 metros de lonxitude cuberta, na que se poderá agardar a chegada dos autobuses protexido das circunstancias meteorolóxicas. Estará formada por 26 módulos baixos de marquesiña e 3 módulos máis altos intercalados para protexer o acceso ao autobús. Ademais, e de modo independente, instalaranse en ambas as marxes do treito da avenida dúas marquesiñas para parada de bus urbano.

A intervención inclúe a remodelación do todo o entronque da rúa Anxo Casal e do aparcadoiro soterrado ao que se accede desde alí. A saída do aparcadoiro será directa á avenida de Rodríguez de Viguri e no espazo gañado disporase un aparcadoiro cuberto para bicicletas, de 21 metros de lonxitude, e coa mesma solución formal que as marquesiñas das paradas de autobús. Ademais, dese espazo partirá un paso de peóns que cruzará a avenida, para un acceso máis directo á grande parada de bus do sentido ascendente.