A Xunta licita por preto de 650.000 € o aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido na contorna do núcleo de Ameal, no concello de Marín

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 11/04/2023 - 12:12
A Xunta licita por preto de 650.000 € o aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido na contorna do núcleo de Ameal, no concello de Marín
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023
Linkedin

Este novo aparcadoiro emprazarase nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202 e contará cunha superficie total de 3.000 m²

  • Disporá de 82 prazas, 3 delas reservadas para persoas con mobilidade reducida e contará coa preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos
  • O aparcadoiro incorporará unha marquesiña para facilitar o acceso ás liñas de autobús, atendendo a petición do Concello de Marín

A Xunta licita hoxe por 647.065 euros a execución dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, na contorna do núcleo de Ameal, no concello de Marín.

Este novo aparcadoiro emprazarase nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202 e contará cunha superficie total de 3.000 m².

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe o inicio da contratación desta actuación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de abril, tendo como obxectivo a Xunta comezar os traballos no verán.

En concreto, este aparcadoiro disporá dun total de 82 prazas, 79 en batería e 3 en liña. Ademais, tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida e haberá preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.

As prazas de aparcadoiro terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, mentres que os carrís de circulación interiores disporán de 4,2 metros de anchura cun só sentido de circulación.

Nas obras prevese a habilitación de itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arborado e alumeado público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas.

Ademais, a petición do Concello de Marín, as obras obxecto deste contrato incorporarán a disposición dunha marquesiña para facilitar o acceso e espera das liñas de autobús neste punto.

Estas actuacións forman parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destina este ano 29,3 M€.

No marco destes proxectos, a Xunta inclúe os aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas ou os investimentos nas estacións intermodais.

A Xunta segue a impulsando a mobilidade sostible, fomentando a dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas.