O DOG de hoxe tamén recolle a aprobación do expediente de información pública para executar estas actuacións, que suporán un investimento de máis de 1,2 M€




As melloras levaranse a cabo en 9 estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Castro Caldelas, Coles, Esgos, Larouco, Laza, Maceda, Ourense, Petín, A Rúa, Verín e Viana do Bolo
- As intervencións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación
- A Xunta prevé convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no verán, para licitar as obras a finais de 2023 e comezar a execución na primavera de 2024
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 40 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas das rutas de acceso á cidade de Ourense.
O DOG recolle hoxe o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 19 de maio, no que tamén foi autorizado o trámite de información pública destas intervencións en 14 municipios da provincia e en 9 estradas de titularidade da Xunta, que suporán un investimento de máis de 1,2 M€.
No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230531/AnuncioG0181-240523-0001_gl.html
A Xunta prevé convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no verán, para licitar as obras a finais de 2023 e comezar a execución na primavera de 2024. A superficie de expropiación definitiva é de 555,99 m2.
En concreto as intervencións desenvolveranse nas estradas autonómicas OU-101, OU-113, OU-121, OU-150, OU-533, OU-536, OU-540, OU-603 e OU-636.
Intervirase en 6 paradas no municipio de Barbadás; 1 no Barco de Valdeorras; 5 no Bolo; 2 en Castro Caldelas; 1 en Coles; 2 en Esgos; 2 en Larouco; 1 en Laza; 1 en Maceda; 8 en Ourense; 2 en Petín; 2 na Rúa; 1 en Verín; e 6 en Viana do Bolo.
As actuacións consisten, entre outras, na mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como no acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna das paradas.
As intervencións abranguen a colocación de refuxios de tipo rural e urbano, en función do lugar onde se encontre a parada, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático.
No eido destas actuacións tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.
Ademais levaranse a cabo traballos de reforzo do firme naqueles puntos nos que se instalen as citadas marquesiñas.
Con estas melloras preténdese fomentar o uso do transporte público, diminuíndo os movementos de corto e medio percorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación.
Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto mellorar 1.100 paradas en toda Galicia.
Estes proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.