A Xunta publica a aprobación do proxecto de mellora de 64 paradas de autobús en estradas autonómicas das comarcas de Santiago, Fisterra, Terra de Soneira e Xallas

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 13/06/2023 - 14:10
A Xunta publica a aprobación do proxecto de mellora de 64 paradas de autobús en estradas autonómicas das comarcas de Santiago, Fisterra, Terra de Soneira e Xallas

O DOG tamén recolle hoxe a aprobación do expediente de información pública para executar estas actuacións, que suporán un investimento de máis de 2,3 M€

Fotografía
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023
Linkedin

As melloras realizaranse en 14 vías autonómicas ao paso polos concellos de Ames, Brión, Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Santa Comba, Vimianzo e Zas

  • A Xunta prevé convocar as expropiacións no verán para licitar as obras a finais de 2023 e comezalas na primavera de 2024
  • As intervencións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación
  • Os traballos enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia cun investimento previsto de arredor de 35 M€

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 64 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas das comarcas de Santiago, Fisterra, Terra de Soneira e Xallas. 

O DOG recolle hoxe o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 11 de maio, no que tamén foi autorizado o trámite de información pública destas intervencións en 10 concellos e en 14 estradas autonómicas, que suporán un investimento de máis de 2,3 M€.  

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230530/AnuncioG0181-220523-0004_gl.html  

A Xunta prevé convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no verán para licitar as obras a finais de 2023 e comezar a súa execución na primavera de 2024. A superficie de expropiación definitiva será de 2.550,82 m2

En concreto, as intervencións nas rutas de acceso polo noroeste da cidade de Santiago levaranse a cabo en 13 paradas ao seu paso polo municipio de Santa Comba; en 9 en Ames; 21 en Brión; 2 en Camariñas; 1 en Cee; 1 en Corcubión; 4 en Dumbría; 7 en Fisterra; 2 en Vimianzo; e 4 en Zas. 

As actuacións previstas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis. 

No eido destas intervencións, en primeiro lugar, priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas. 

Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático. 

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil. 

As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas. 

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas. 

Estas tarefas enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas que permitirán mellorar 1.100 paradas en toda Galicia cun investimento previsto de arredor de 35 M€.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.