A Xunta publica a aprobación do proxecto do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido de San Xoán, no concello de Ferrol

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 11/04/2023 - 12:25
A Xunta publica a aprobación do proxecto do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido de San Xoán, no concello de Ferrol

O DOG tamén recolle hoxe a aprobación do expediente de información pública para executar esta actuación, que suporá 89 prazas e un investimento de máis de 780.000 €

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023
Linkedin

Construirase un novo aparcadoiro nun espazo estratéxico para a entrada e saída da cidade, xunto á glorieta que une o comezo do núcleo urbano da cidade coa FE-13, nunha parcela entre esta estrada nacional, a rúa Souto e a liña de ferrocarril

  • As obras licitáronse este pasado venres por 615.000 € e as empresas interesadas dispoñen ata o 20 de abril para presentar as súas ofertas, co obxectivo de iniciar os traballos este ano
  • Do total de prazas, resérvanse 3 para mobilidade reducida, e o aparcadoiro dotarase dun viario de dobre sentido para a entrada e saída a través da glorieta da rúa Souto
  • A actuación tamén reforzará a seguridade dos peóns, cun acceso exclusivo para viandantes que conectará coa avenida Mestre García Niebla, ademais de beirarrúas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de trazado para a execución dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no barrio de San Xoán, no concello de Ferrol.

Trátase do proxecto impulsado pola Xunta para executar este aparcadoiro nun espazo estratéxico para a entrada e saída da cidade, xunto á glorieta que comunica o comezo do núcleo urbano de Ferrol coa FE-13, nunha parcela entre esa estrada nacional, a rúa Souto e a liña de ferrocarril.

A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 9 de marzo, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste proxecto. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/SPEqfy

Esta actuación da Xunta suporá un investimento de máis de 780.000 €, ao incluírse o pagamento dos tres predios necesarios para impulsar a execución deste aparcadoiro disuasorio, que ofrecerá en conxunto un total de 89 prazas de estacionamento.

Este pasado venres iniciouse a contratación desta actuación, coa licitación das obras por importe de 615.496 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de abril, tendo como obxectivo a Xunta comezar os traballos este ano. O prazo de execución é de 6 meses.

O detalle do proxecto

A intervención proxectada prevé a execución do aparcadoiro disuasorio nun espazo adxacente á estrada estatal FE-13, nunha parcela ocupada actualmente por vexetación, na zona próxima ao local da Asociación de Veciños de San Xoán-Bertón, ofrecendo un espazo de estacionamento que reduza a circulación de coches polas rúas e ordene o aparcadoiro.

O aparcadoiro terá un total de 89 prazas de estacionamento a 60º en ambas as marxes, cunha anchura proxectada de 4,80 metros e un viario de circulación de 3 metros de ancho máis 1 metro destinado á manobra de vehículos e a circulación peonil. Do total de prazas, 3 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida.

Este aparcadoiro disuasorio terá máis de 2.800 m2 e estará dotado dun viario de dobre sentido para a entrada e saída, que se fará a través da glorieta da rúa Souto.

A intervención incluirá o reforzo da seguridade dos peóns, cun acceso exclusivo para viandantes que conectará coa avenida Mestre García Niebla, ademais de beirarrúas.

A execución deste aparcadoiro completarase coa dotación de alumeado público, vídeovixilancia, instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación na contorna.

O aparcadoiro disuasorio enmárcase nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destina este ano 29,3 M€.

No marco destes proxectos, a Xunta inclúe os aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas ou os investimentos nas estacións intermodais, como a da Coruña, agora mesmo en execución.