A Xunta publica a aprobación dos proxectos para mellorar 106 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á Coruña e a Lugo

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 11/04/2023 - 11:18
A Xunta publica a aprobación dos proxectos para mellorar 106 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á Coruña e a Lugo

O DOG de hoxe tamén recolle a aprobación do expediente de información pública para impulsar estas actuacións, que suporán un investimento autonómico global de máis de 3,14 M€

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023
Linkedin

As intervencións inclúen a mellora da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas, a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas
 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación dos proxectos de mellora da accesibilidade e conectividade de 106 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas ao paso das rutas de acceso polo oeste á cidade da Coruña e polo norte á cidade de Lugo.

A publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 2 de marzo, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública destas dúas intervencións, que suporán un investimento global de 3,14 M€. Nos seguintes enlaces ao DOG pode consultarse toda a información: https://acortar.link/IlsRdg   https://acortar.link/duD36L

O proxecto relativo á zona oeste de acceso á cidade Coruña abrangue actuacións en 55 paradas situadas en 6 estradas ao paso por 7 concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños, cun investimento de 1,27 M€.

As paradas que se van mellorar están situadas nas estradas AC-400, AC-413, AC-414, AC-418, AC-424 e AC-552. Concretamente, no concello de Arteixo, melloraranse 26 paradas; na Coruña 3; en Culleredo 12; en Carballo 9; en Cerceda 2; en Malpica 1 e en Ponteceso 2.

Como resultado do procedemento de información pública, incorpóranse dúas novas paradas propostas polo Concello de Arteixo, ambas as dúas situadas en dominio público viario na AC-552.

Tamén se retiran do proxecto varias paradas nas que o Concello de Arteixo xa ten previsto actuar con plans e programas municipais en marcha; e realízanse axustes nos deseños das paradas, a petición do Concello de Arteixo e do Concello da Coruña.

As intervencións previstas consistirán no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.

Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas para protexer aos usuarios onde haxa desniveis.

Zona norte de acceso a Lugo

Na zona norte de acceso a Lugo o proxecto abrangue a mellora de 51 paradas de autobús situadas en 15 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos, mobilizando un investimento de 1,87 M€.

De xeito máis concreto, levarase a cabo o acondicionamento de 30 paradas no municipio da capital; 5 en Xove; 4 en Castro de Rei; 2 en Riotorto, 2 Outeiro de Rei, 2 no Vicedo, 2 en Cospeito e 2 en Begonte; 1 en Abadín e 1 en Meira.

As intervencións proxectadas dotarán as paradas de autobús de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se prevén obras para facilitar as manobras dos autobuses e favorecer a conectividade das paradas a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís.

Así mesmo, reforzarase a seguridade das paradas, tamén con perspectiva de xénero, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e iluminación na súa contorna; e actuarase sobre a información e a sinalización.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.