A Xunta publica hoxe no DOG a modificación do Regulamento xeral de estradas de Galicia que optimiza a xestión das vías e simplifica a interpretación da normativa

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 13/06/2023 - 12:59
A Xunta publica hoxe no DOG a modificación do Regulamento xeral de estradas de Galicia que optimiza a xestión das vías e simplifica a interpretación da normativa
  • Dáselle maior precisión a conceptos como o de travesía, para que sexa máis sinxela e obxectiva a súa delimitación
  • Adáptase o contido e a tramitación dos plans de estradas á nova Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de Ordenación do Territorio de Galicia
  • Recóllese a figura da declaración responsable, que se introduciu na Lei de Estradas para substituír as autorizacións e simplificar algúns procedementos administrativos
  • Desenvólvense as modificacións da Lei para flexibilizar as instalacións e usos provisionais, como os andamios ou as terrazas
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023
Linkedin

Trátase do decreto que adapta os preceptos do Regulamento aos cambios producidos na Lei de Estradas e favorece a súa aplicación práctica por parte da Xunta e das deputacións provinciais

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se modifica o Regulamento Xeral de Estradas de Galicia, favorecendo a optimización da xestión das vías adaptada á realidade territorial e simplifica a interpretación da normativa.

O Consello da Xunta autorizou o pasado día 11 de maio este decreto, que permite adaptar os preceptos do Regulamento Xeral de Estradas de Galicia aos cambios producidos na disposición legal que este desenvolve, que é a Lei 8/2013, de estradas de Galicia.

Este decreto supón tamén algúns outros cambios no texto para simplificar e aclarar a interpretación dalgún dos seus preceptos, favorecendo así a súa aplicación práctica por parte da Xunta e das deputacións provinciais.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230531/AnuncioG0533-190523-0003_gl.html

Entre as modificacións que recolle o texto, no Título I do regulamento dáselle maior precisión a conceptos como o de travesía, desenvolvendo de xeito máis completo as condicións para a consideración do mantemento da continuidade e coherencia das redes de estradas, aos efectos da adquisición da condición de vías urbanas.

No que se refire á titularidade das estradas, aclárase a situación dos treitos de estradas repostos como consecuencia de obras ou flexibilízanse as condicións para as transferencias nas que existan alternativas viarias de titularidade de administracións de menor ámbito territorial.

No Título II, relativo á planificación e proxección das estradas, adáptase o contido e a tramitación dos plans de estradas á nova Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de Ordenación do Territorio de Galicia.

Tamén se reducen os prazos para a emisión do informe xurídico sobre a tramitación dos expedientes dos estudos e proxectos, concretando o seu obxecto.

No texto recóllense as mencións á figura da declaración responsable, que se introduciu na Lei de Estradas para substituír as autorizacións e simplificar algúns procedementos administrativos.

Con este decreto tamén se modifica a regulación para parcelacións e segregacións, de modo que se flexibiliza a posibilidade de autorizalas.

Ademais inclúense e desenvólvense as modificacións da Lei de Estradas para flexibilizar as instalacións e usos provisionais, como os andamios en caso de obras ou en edificios, ou as terrazas.

Cómpre lembrar que para a citada modificación, a proposta presentada foi sometida a consulta pública previa.

Posteriormente, o anteproxecto de decreto foi sometido a información pública e outorgóuselle trámite de audiencia a todas as Consellerías, á Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ás deputacións provinciais ou á Federación Galega de Municipios e Provincias, entre outros organismos.