A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto do eixe de mobilidade sustentable de Ourense, entre Os Remedios e Expourense, cun orzamento de máis de 3,8 M€

Membro durante

1 ano 7 meses
Submitted by xestor on Mar, 11/04/2023 - 12:37
A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto do eixe de mobilidade sustentable de Ourense, entre Os Remedios e Expourense, cun orzamento de máis de 3,8 M€

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras antes de finais de mes co obxectivo de comezar os traballos no outono
 

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023
Linkedin

O itinerario de 3,5 km abrangue o paseo do río Barbaña, acondicionando e dando continuidade no treito no que se interrompe, entre a praza de Abastos e A Molinera
 

  • Neste tramo optimizaranse os pavimentos para a circulación peonil e ciclista, os cruces e a sinalización das zonas de estacionamento de vehículos
     
  • Este proxecto é un dos tres cos que a Xunta conectará Ourense con 5,1 km de sendas, comezando na intermodal, percorrendo a avenida das Caldas, a Ponte Romana, paseo do Barbaña, o CHUO, Expourense e o Pazo dos Deportes, cun investimento de 7,23 M€

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resoluciónda aprobación definitiva do proxecto de trazado do eixe de mobilidade sostible en Ourense, no treito Os Remedios-Expourense, ao longo do río Barbaña, cun investimento de 3,8 millóns de euros.

A través do seguinte enlace pode consultarse a información relativa a esta resolución no DOG: http://xurl.es/vsezz

Esta aprobación definitiva do proxecto, á que deu luz verde recentemente o Consello da Xunta, implica a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos predios necesarios para executar a senda do Barbaña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras antes de que remate este mes e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre do ano, para comezar os traballos no outono.

Este é un dos tres proxectos da Xunta para impulsar un eixe de mobilidade sostible que irá desde a intermodal ata Expourense -pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o paseo do Barbaña, o CHUO, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz- e que conectará a cidade a través de 5,1 km de itinerarios, cun investimento da Xunta de 7,23 M€.

Características

En concreto, o novo itinerario entre Os Remedios e Expourense terá 3,5 quilómetros de lonxitude e abrangue o tránsito polo paseo na marxe do río Barbaña, acondicionando e mellorando a sinalización onde sexa necesario e dándolle continuidade no treito no que este se interrompe, é dicir, entre a praza de Abastos e A Molinera.

Neste treito optimizaranse os pavimentos para a circulación peonil e ciclista, melloraranse os cruces para dar preferencia a estes usuarios, reforzarase a accesibilidade e conexións coa contorna, e mellorarase a sinalización das zonas de estacionamento de vehículos.

Facendo un percorrido de norte a sur, prevese a solución para a beirarrúa precintada na marxe dereita do estribo da Ponte Romana de Ourense, onde se executará unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente.

Tamén se conseguirá unha mellor conexión entre a Ponte Romana e a senda do Barbaña, cun novo paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela.

Ao longo do percorrido, mellorarase o acceso ás Burgas, conectaranse de modo directo os paseos do Barbaña e do Barbañica. E, finalmente, actuarase no acceso á zona do pavillón Paco Paz e a Expourense.

Ademais, a intervención prevé a modificación do trazado da conexión do paseo do Barbaña coa praza das Burgas, substituíndo o trazado previsto no proxecto, que discorría paralelo á ponte da rúa Irmáns Xesta, pola conexión a través da rúa Canella do Rastro. Deste xeito, compatibilizarase a circulación de vehículos e o acceso aos garaxes existentes, co novo itinerario peonil e ciclista de conexión desde a senda do Barbaña, prolongando a conexión baixo a rúa Progreso ata a praza das Burgas.

Esta intervención enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.